Monday 06 de May de 2024

A Xunta colabora con ONGD galegas no financiamento de nove proxectos de educación para o desenvolvemento


A web de Cooperación Galega (http://www.cooperaciongalega.org) fai pública a resolución dunha orde de axudas pola que se destinarán 325.000 euros a este fin

A Xunta vén de publicar na web de Cooperación Galega (http://www.cooperaciongalega.org) a resolución da convocatoria de subvencións para proxectos de educación para o desenvolvemento, pola que se destinarán 325.000 euros ao financiamento de 9 proxectos nas anualidades 2016 e 2017.

Esta convocatoria de subvencións vén publicándose anualmente, de forma ininterrompida, desde o ano 1996 e está destinada a Organizacións Non Gobernamentais para o Desenvolvemento e agrupacións lideradas por estas cos outros axentes de cooperación, como poden ser universidades, empresas ou comunidades galegas no exterior, entre outros.

Entre ONGD beneficiarias atópanse Solidariedade Internacional de Galicia, Fundación Entreculturas, Asamblea de Cooperación pola Paz, Panxea, Educo, Oxfam Intermón, Enxeñería sen Fronteiras, Agareso ou Fundación InteRed. Seis dos proxectos pertencen a agrupacións de entidades e ,destes, catro son con universidades galegas.

Os proxectos presentados foron avaliados tendo en conta os criterios que establecía a convocatoria, valorando o proxecto en si mesmo e a entidade solicitante. Para superar a fase de valoración e poder acceder á subvención era necesario acadar unha puntuación mínima do 50 por cento do total en cada un dos apartados.

Educación para o Desenvolvemento, valor engadido
A educación para o desenvolvemento é un valor engadido da cooperación descentralizada que cómpre potenciar dende a cooperación galega, tendo en conta, ademais, que a meirande parte das ONGD galegas traballan neste eido como unha das súas liñas estratéxicas.

A convocatoria enmárcanse no III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017. A través del, a Xunta de Galicia ofrece unha ferramenta útil e realista que permite a Galicia realizar unha contribución eficaz e ordenada aos procesos de desenvolvemento dos países socios mediante un proceso participativo e de diálogo.